Sr Rector, que horror de xestión económica


Con data 29 de novembro de 1999 enviámoslle unha carta aberta sobre o mesmo tema. Nela, apoiándonos en feitos constatables, afirmabamos que a súa xestión económica non funcionaba. Pois ben, pouco máis dun ano despois, vémonos na obriga de manifestarlle a mesma queixa e de engadir que as cousas empeoraron, algo que parecía ben difícil. Permítanos, xa que logo, que repitamos relatos e argumentacións.

O día 31 de xaneiro de 2000 aprobáronse os presupostos para o presente ano. Unha vez máis houbo que esperar ata o mes de abril para que se abrise o ano económico, pechado desde novembro de 1999. Esperabamos, inxenuamente, que nesta ocasión se puidesen tramitar gastos ata o 31 de decembro, pero as nosas esperanzas se viron frustradas de novo, pois o peche do exercicio económico realizouse en novembro. Para colmo de despropósitos, o Sr. Xerente di descoñecer tal extremo. Sr. Rector, ¿será tal vez que traballamos nunha comunidade de irresponsables? ¿e vostede, ¿ten algunha noticia do que lle estamos a manifestar?

Non queremos repetirnos innecesariamente; calquer persoa responsable de partidas presupostarias sabe o que significa un ANO ECONÓMICO de SETE MESES (incluíndo agosto), así que non insistiremos no problema que eso representa, ó que se veñen sumar as tarefas de levar a contabilidade, os trámites burocráticos que a xustificación de gastos conleva, a imposibilidade de cobrar anticipos, a realización do inventario, o atranco permanente das facturas, as esperas pola apertura de novas partidas e un longo etcétera. Eso si, despois de pagar un 10%, en concepto de "gastos de xestión" (sic), do importe dos proxectos conseguidos co esforzo dos equipos de investigación. ¿Cre vostede que esta situación contribúe a incentivar a investigación na Universidade de Vigo? Na nosa opinión non parece o camiño máis doado, senón mais ben un incentivo ó desánimo e ó non facer. Vostede saberá por que modelo de Universidade aposta.

Item máis, teriamos que falar da producción científica, ¡sen avaliar desde o ano 1997!, pero a tan fastuosa actuación do seu Vicerrector de Investigación, sen parangón nas Universidades galegas, españolas e estranxeiras, dedicaremos unha próxima reflexión.

Supoñemos que, como consecuencia do panorama descrito, os cartos rebordarán das arcas da Universidade de Vigo e mesmo poderán servir para tentar maquillar os minguados presupostos do ano 2001, pero saiba, Sr. Rector, que non hai equipo maquillador capaz de agachar o obvio: a comunidade universitaria padece deficiencias máis que notables, e vostede e o seu equipo non fan máis que agravalas mentres, de maneira paradoxal, pretender abordar proxectos faraónicos, v.g. CIDADE UNIVERSITARIA, S.A. ¿A que xoga, Sr. Rector?

Sr Rector, o ano pasado rematabamos dicíndolle: "Medite ben, defina o seu modelo de xestión económica, optimice os procedementos de gasto, abra o exercicio económico o 2 de xaneiro, aínda que sexa con presupostos prorrogados, e déixenos gastar os cartos que puidemos conseguir co noso esforzo e traballo, pedímosllo de favor". Hoxe reiteramos a petición.

Vigo, a 7 de Decembro de 2000

PCUVI