Sr. Rector: os numeros son teimudos
Cunha certa desidia por parte do Claustro, xa que unicamente 108 dos 250 claustrais votaron, os presupostos para o ano 2000 foron aprobados por 65 votos (o 26% do Claustro), e producíronse algunhas situacións cando menos pintorescas. Por exemplo: ¿Pode un director de Departamento estar a favor de que reduzan o presuposto destinado a Departamentos en 130 millóns de pesetas?, ¿pode o persoal de Biblioteca ou un profesor universitario votar a favor de que se reduza o presuposto para a Biblioteca en 100 millóns de pesetas, servíndose quizais das poderosas razóns argüídas polo vicerrector de Planificación, segundo o cal "non imos mercar máis libros dos que podemos ler", ou "nos Estados Unidos len máis libros porque son moitos"? ¿Pode un profesor do ámbito científico-tecnolóxico votar en contra dunha emenda que propón mante-lo presuposto de equipamento docente de laboratorios?
Sr. Rector, estes recortes resultan aínda máis preocupantes se analizámo-la evolución destas partidas desde o nacemento desta Universidade. Para isto convidámoslle a ve-la análise pormenorizada dos presupostos na nosa páxina web (http://www.uvigo.es/webs/pcuvi).
Como vostede moi ben sabe e di, Sr. Rector, "os números son teimudos", e o estudio por capítulos que realizamos sobre os presupostos amosa unha diminución da capacidade de captación de fondos externos, unha crecente hipoteca dos fondos da Universidade e un descenso alarmante na capacidade da Institución para levar a cabo investimentos reais. Preocúpanos, Sr. Rector, que o desastre sufrido no capítulo VI, correspondente a "Investimentos reais" non signifique só un dato que xustifique a denominación do ano 2000 como "un ano negro" para a Universidade de Vigo, senón un feito que hipoteque, sen remedio, o futuro da nosa Universidade. Porque o que se aprobou, Sr. Rector, é a primacía do investimento en mobiliario para un edificio que aínda non se comezou a construír, en actividades culturais varias e na misteriosa Sociedade Anónima, da que á penas seguimos sen saber nada. ¿A que calidade se refire, Sr. Rector, cando di que "estes presupostos permiten fomenta-la calidade da Institución"? Sen dúbida, Sr. Rector, falamos de diferentes conceptos de calidade. Non é posible fomenta-la calidade da nosa Universidade reducindo a capacidade para dotar de libros ás nosas bibliotecas ou a capacidade de comprar material para os laboratorios, por poñerlle soamente dous exemplos.
Sr. Rector, os números son teimudos, pero as nosas gráficas tamén. Analice, compare, e se atopa algunha xustificación razoable explíqueo, pero... por favor, Sr. Rector: asuma a súa responsabilidade, porque vostede é o único culpable do desatino destes presupostos.
Vigo, a 8 de Febreiro de 2000
PCUVI