Sr. Rector, ¿que aconteceu coa calidade docente?


A PREPONDERANCIA DO ECONÓMICO SOBRE O ACADÉMICO, E MÁIS A INCORPORACIÓN MASIVA DE INVITADOS, VISITANTES E ASOCIADOS SEN NINGÚN TIPO DE REQUISITOS, Á UNIVERSIDADE DE VIGO, SON MEDIDAS QUE ATENTAN CONTRA A CALIDADE DOCENTE.

No programa electoral de Alternativa Universitaria, co que vostede gañou as pasadas eleccións, pode lerse no primeiro punto do apartado 2.4.5 (páx 21), referente a Profesorado, o seguinte: "Como regra xeral, e tendo en conta que se pretende incorporar á docencia ó profesorado mellor formado, nas contratacións recorrerase ás figuras de maior experiencia docente e investigadora". Asumindo que tan loable obxectivo non se podía acadar co P.O.D. do curso 98-99 por falta de tempo, poderiamos agardar que no P.O.D. e nas normas de contratación de Profesorado do presente curso se cumprira o devandito programa.

Sen embargo, Sr. Rector, se facemos unha análise cronolóxica da política de Profesorado para este curso, poderemos ver qué se fixo daquel programa electoral:

  1. Logo dun azaroso percorrido polas comisións respectivas e a Xunta de Goberno, as normas de P.O.D. e de contratación de Profesorado foron definitivamente ratificadas polo Claustro o día 9 de xullo por 71 votos a favor e 63 en contra.

    As principais críticas a estas normas eran as seguintes:

    1. Non se computaba máis que o 20 % de repetidores para elaborar os grupos de P.O.D (pódese ver na prensa destes días cal é o resultado desa medida na Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial).

    2. Restrinxíase extraordinariamente a posibilidade de contratación de Profesorado consolidable.

    3. Non se tiña en conta a docencia por campus para prazas consolidables, malia estar recollido no Regulamento de Profesorado e nos Estatutos.

    4. Impedíase a contratación de profesores invitados.

    5. Creábase unha nova figura de asociados atípicos, denominados "sen requisitos", pola que se podía contratar como "especialista de recoñecido prestixio" (de acordo coa L.R.U.), a recén licenciados.

  2. Nunha Xunta de Goberno, celebrada o 29 de xullo de 1999, vostede informou dos criterios que a Xunta de Galicia barallaba para financiar o profesorado na programación plurianual e, amparándose neles, fixo público que "en exercicio da súa responsabilidade e asumindo o custo político da medida" paralizaba por decisión persoal o concurso das prazas, que xa foran concedidas pola Comisión de Docencia de acordo cos criterios académicos aprobados polo Claustro. Sr. Rector, ninguén lle obrigaba a aplicar os criterios económicos da Xunta de Galicia e, ademais, ó tratar o tema no punto "Informe do Rector", no que non é posible ningunha votación, impediu vostede que a Xunta de Goberno se pronunciase sobre a suspensión do concurso.

  3. Despois dunhas pormenorizadas contas feitas en agosto, non se sabe por quen, (certamente non pola Comisión de Docencia, nin pola de Organización Académica, nin sequera pola de Asuntos Económicos), sorpréndenos cun concurso de Profesorado na prensa, a finais do mes de agosto, no que saen, como os pementos de Padrón, unhas si e outras non.

    Este Concurso de Profesorado aplica xa a preponderancia duns determinados criterios económicos sobre os académicos, cando aínda non o autorizara ningún órgano de goberno desta Universidade, de maneira que algúns Directores de Departamento reciben un escrito, polo menos peculiar, no que se di: "Aínda que a Comisión de Docencia concedeu a praza por dispoñer de créditos suficientes, non procede a concesión de profesorado consolidable por falta de cobertura económica ó abeiro do documento de financiamento do PDI da Xunta de Galicia. Este asunto TRATARASE na Xunta de Goberno de setembro".

  4. O día 13 de setembro reúnese a Xunta de Goberno e decide, por 21 votos a favor e 13 en contra, a aplicación dos anteditos criterios económicos ás áreas de coñecemento, criterios que o Consello Interuniversitario de Galicia aínda non aprobara. ¿A que xoga, Sr. Rector?

  5. A posterior aplicación en Comisión de Docencia do criterio aprobado en Xunta de Goberno ten como resultado final a paralización, unicamente, de 9 prazas consolidables. Como consecuencia, sae un Segundo Concurso con prazas que estaban en suspenso o día 8 de outubro, e un anexo ó Segundo Concurso, o día 12 de outubro.

    O resultado final de todo este desatino pode resumirse nos seguintes puntos:

    1. Nos tres concursos en conxunto saen 53 prazas consolidables e 95 non consolidables, sendo 58 delas de asociados "sen requisitos".

    2. Debido á suspensión cautelar do Concurso de Profesorado realizada por vostede, a primeiros de novembro aínda non se cubriu ningunha das prazas que sairon a concurso, nin sequera aquelas que cumprían tanto o requisito académicos como o económico. ¿Sabe vostede cantos grupos e asignaturas carecen de profesor a estas alturas de curso?.

    3. A figura de invitado, prohibida nas normas orixinais, utilízase masivamente para cubrir a docencia que deberá impartir o profesorado de nova contratación, de maneira que se esta corresponde ó primeiro cuadrimestre, cando aquel se incorpore, é probable que tal docencia xa fora impartida.

    4. Algúns Departamentos, diante da imposibilidade de contratar profesorado consolidable, recorreron reiteradamente á figura do profesor visitante. Perante a avalancha destes (hai Departamentos que pediron 10 ó mesmo tempo), os curricula dos candidatos propostos a dedo deixaron de ser avaliados en Xunta de Goberno, precisando, unicamente, acreditar o seu vínculo, aínda que sexa conxuntural, con outra Universidade. Acontece, entón, que alumnos de Terceiro Ciclo doutras Universidades, mesmo recén licenciados, poden ser contratados como Profesores Propios (PP1), sen ter pasado por ningún concurso público, mentres que os alumnos de Terceiro Ciclo da Universidade de Vigo non teñen esa posibilidade.

En definitiva, se vostede considera que a preponderancia do económico sobre o académico, e máis a incorporación masiva á nosa Universidade de invitados, visitantes e asociados sen ningún tipo de requisito melloran a calidade docente, permita que lle digamos, Sr. Rector, que os seus criterios ó respecto non coinciden cos nosos e, xa que logo, seguiremos a criticar a súa xestión á fronte da Universidade de Vigo.

Vigo, a 8 de novembro de 1999

PCUVI