Sr. Rector: A Producción Científica, para o século que vén


Sr. Rector: en outubro de 1999 enviámoslle unha carta na que lle solicitabamos que a Producción Científica fose repartida antes do 2001. Isto, que a algúns lles puido parecer unha esaxeración, cumpriuse sobradamente. Como proba, presentámoslle un resume:

  1. Perdemos ano e medio, e todo para empeorar os criterios anteriores, xa que os novos non gustaron a ninguén. E é que non vale de nada que o Vicerrector de Investigación se pasee polos centros, vendendo a imaxe de vicerrector de consenso, e logo non faga caso ningún ás críticas e suxestións que se lle fixeron. Ata aquí, o balance é sinxelo: durante este primeiro ano os investigadores non viron un peso.
  2. Ante a preocupación que este panorama ofrece, a PCUVI solicita nun Claustro un anticipo da Producción Científica. O Vicerrector acepta anticipar o 50% do presupostado para o ano 1998, cos criterios antigos e coa Producción Científica avaliada nos anos 1995 e 1996 polo equipo anterior (¡Por certo! Se é unha idea xenial, ¿como é que non se lle ocorreu a el?). Mentres, pasa outro ano.
  3. Nova petición de anticipo por parte da PCUVI, que esta vez consegue un reparto do 40% do presupostado para o ano 1999, considerando nesta ocasión a Producción Científica de 1996, avaliada, iso si, cos criterios anteriores.
  4. A principios do ano 2000, solicítaselles ós Departamentos a Producción Científica dos anos 97, 98 e 99. A pesar de que os novos criterios non satisfacían a ninguén e prexudicaban claramente ós ámbitos ós que, supostamente, se pretendera beneficiar, isto arrancaba, aínda que pasamos do avión á carretilla, cubrindo uns impresos a modo de formulario, que efectivamente nada tiñan que ver co anterior (introducción dos datos en formato dixital para a súa inmediata avaliación), o que resultaba bastante máis sinxelo e efectivo.
  5. Unha vez recibida a documentación dos Departamentos e asumido o caos que se aveciñaba, téntase buscar unha solución, acudindo esta vez ó RIGA (Rexistro de Investigadores de Galicia). A Comunidade Universitaria recibe entón un correo electrónico asinado polo Vicerrector (aínda que dixo que non o escribira el) coa ameaza de que todos aqueles que desexasen que a súa Producción Científica fose avaliada deberían introducir os datos en dito programa ou non se tería en conta.
  6. Ante a profunda indignación e a protesta masiva da Comunidade Universitaria, o Vicerrector retráctase de novo e comunica que a Producción Científica seguirá "o seu curso", aínda que, "loxicamente", co atraso que este novo cambio de rumbo traería consigo.
  7. E así chegamos ó día de hoxe, a piques de finalizar o ano 2000, sen recibir a avaliación científica dos anos 1997, 1998 e 1999.

Preocúpanos, Sr. Rector, a escasa importancia que vostede lle concede a un asunto tan vital para a Universidade como é a Producción Científica. Preocúpanos igualmente, Sr. Rector, que esa escasa importancia e o deixamento que vostede manifesta cara á Producción Científica está en perfecta consonancia coa diminución orzamentaria que ano a ano sofre a partida destinada ós Departamentos. Sr. Rector, quizais algún día obteñamos a Producción Científica, e agardamos que sexa dentro do seu mandato. Non se apure, aínda lle queda un ano. Seguro que lle dá tempo e daquela conseguirá, en catro anos, repartir unha vez a Producción científica. Todo un exemplo de boa xestión.

Vigo, a 15 de Decembro de 2000

PCUVI