Analizemos o procedemento de enquisa para facelo partícipe do que criticamos:
Nos sobres de matrícula do presente curso inclúese un cuestionario de avaliación docente do curso 98/99, acompañado dunha listaxe do profesorado que impartiu clase durante o curso pasado, identificándose cada profesor mediante un código. Se o alumno decide cumprimentar a enquisa, debe entregala en conserxería, ou mesmo enviala por correo de forma anónima.
O alumno, só ou en grupo, na súa casa ou na cafetería, pode cubrir tantas enquisas como queira do profesor que lle pareza oportuno. Tamén pode, se así o desexa, deixar os modelos de enquisa en calquer lugar e a disposición de calquera persoa, como así aconteceu. Se alguén desexa formularios, estamos en disposición de proporcionarllos.
Non é preciso ser experto en investigación socio-educativa para decatarse de que o procedemento que se está a utilizar para levar a cabo a recollida das enquisas, destinadas a avaliar a actividade docente do curso 98-99, carece absolutamente de fiabilidade, xa que non existe nin o máis mínimo control sobre el. Reflexione, Sr. Rector, e modifíqueo, pois non reúne ningunha das condicións que unha investigación destas características e repercusións debe cumprir.
Nun ámbito universitario non debería ser necesario clarexar a gravidade dun feito semellante. Abonda con dicir que calquera persoa, alumno ou non, pode ter acceso ás enquisas e, consecuentemente, "avaliar" a calquer profesor ou "autoavaliarse" segundo os casos (estiveron espalladas polas mesas das máis diversas dependencias e centros).
Lamentamos ter que dirixirnos unha vez máis a vostede para expresarlle que, na nosa opinión, o devandito procedemento constitúe un novo desatino. Sr. Rector, vostede declarou ós medios de comunicación, no seu día, que retiraba a enquisa de avaliación da actividade docente, no curso 98-99, para "potenciar a enquisa". Crípticas declaracións, daquela, que agora comprendemos. ¿Pensa vostede realmente que desta maneira vai mellorar o coñecemento daquilo que o alumnado pensa do profesorado na nosa Universidade?
Sr. Rector, se vostede pensa utilizar os resultados da devandita enquisa para a finalidade á que están destinados, ignoramos cal pode ser a argumentación que vai empregar para facelos fiables, pois o procedemento utilizado, como vimos de explicar, invalídaos totalmente, e o único que pode conseguir é que a Universidade de Vigo sexa obxecto de mofa por parte dos máis diversos estamentos.
Sr. Rector, para evitar o desprestixio da nosa Universidade, MODIFIQUE O PROCEDEMENTO DE RECOLLIDA DE DATOS, destrúa todas as enquisas presentadas ata agora e proceda a realizar a enquisa en condicións, ou se verá na obriga de anular os resultados.
Vigo, a 16 de Novembro de 1999
PCUVI