Sr Rector: ¿Universidade de todos?


O pasado domingo (13-2-00) vostede enviou ó Faro de Vigo unha colaboración que denominou "A Universidade de todos" (ver servidor da PCUVI). Nese escrito vostede parece distinguir entre unha "oposición boa" e unha "oposición mala". A primeira utiliza "o exercicio do dereito de representación nos diversos órganos de goberno da Universidade e dá como resultado unha colorida pluralidade de opinións", mentres que a segunda é "un pequeno e ruidoso colectivo de profesionais do infundio e da división". Independentemente do apartado en que nos catalogue, queremos dicirlle que vostede é o único responsable de que esta non sexa a Universidade de todos, senón o feudo dun cumio de poder que toma decisións á marxe dos órganos de goberno, impoñendo a súa vontade por resolución rectoral, cando non pola vía de apertura de expedientes diversos.

Non estará de máis que rememoremos uns cantos exemplos do que vostede entende por "Universidade de todos":

  1. Ós poucos meses do seu nomeamento, vostede cesou por resolución rectoral ó Director da Escola de Estudios Empresariais de Ourense por considerar, a título persoal, que debía deixar de ocupar o seu posto. Logo das oportunas denuncias, e previa asesoría xurídica, tivo que volver nomear ó Director da Escola, novamente por Resolución Rectoral, e recoñecer o seu erro.

  2. O pasado mes de novembro, vostede resolveu un concurso público para cubrir un posto de libre designación nomeando, por Resolución Rectoral, ó Xefe dos Servicios Informáticos de Investigación. O Comité Intercentros presentou un recurso de reposición e, o día 3 de decembro, vostede non ten máis remedio que anular o nomeamento por "non reunir o candidato as condicións requiridas na convocatoria". Iso si, o 30 de decembro emite unha nova Resolución Rectoral adscribindo á mesma persoa ó cargo, con carácter provisorio e efectos retroactivos do 4 de decembro, modificando a convocatoria para que "o seu candidato" cumpra os requisitos. Esta actuación foi denunciada polo sindicato Comisións Obreiras mediante un correo electrónico enviado a toda a comunidade universitaria o 2-2-2000.

  3. O pasado mes de decembro, vostede abre expediente informativo ó profesor José Luis Outes Ruso, representante en Xunta de Goberno dun colectivo da oposición, por unha discusión mantida no seu despacho sen testemuñas, cunha persoa que, no momento dos feitos, nin sequera pertencía á Universidade de Vigo.

  4. Ó longo do ano 1999 o sindicato FETE-UGT presenta varias denuncias nos Xulgados, nalgunhas das cales coincide coas presentadas pola Sección Sindical de Funcionarios PAS da CIG.

  5. O día 26 de xaneiro, o Comité Intercentros denuncia nun correo electrónico o incumprimento, por parte da Xerencia, das "Normas de xestión de listas de espera", contratando de maneira arbitraria.

    O sábado 29 de xaneiro, unha compañía de mudanzas, sen autorización escrita do Rectorado, procede ó desaloxo do posto de traballo de seis profesores da área de Enxeñería de Procesos de Fabricación, dun espacio na Escola de Fundición que lle fora asignado a petición da Escola Superior de Enxeñería Industrial e que vostede lles quita por presunta Resolución Rectoral. Diante da transcendencia do feito, a prensa do domingo 6 de febreiro faise eco do mesmo (ver servidor da PCUVI) e o martes, o Sr. Primitivo Carbajo, Director do Gabinete de Prensa (¿da Universidade ou do Rector?) fala de que era "un desaloxo anunciado", culpando da situación ó profesor Enrique Ares, que o día do desaloxo estaba en Madrid en Comisión de Servicios. Non contento con isto, vostede informa á Xunta de Goberno, o pasado xoves, de que se lle vai abrir un expediente ó devandito profesor.

Poderiamos seguir, pero a análise destes exemplos abonda para confirmar que as críticas ó seu comportamento non son obra, en exclusiva, dunha minoría ruidosa, senón que son case xeneralizadas e proceden de sectores ben diferentes da nosa Universidade. Tamén nos mostran a súa maneira de gobernala que chega, en ocasións, a saltarse a legalidade vixente, e que se basea no ordeno e mando, a caza de bruxas, o comigo ou en contra miña, sen esquecer a ameaza continua a través de expedientes.

Para completar e reafirmar a súa actuación, envía un escrito á opinión pública descalificando a profesores da Universidade que vostede preside, algo inaudito nun Rector. Descúlpenos a comparanza, pero os seus argumentos nos fan lembrar os daqueles que dicían que a oposición ó réxime estaba constituída por unha minoría ruidosa dedicada ó "contubernio judeo-masónico"

Na campaña electoral vostede repetiu ata o infinito que sería o "Rector do consenso" e que pretendía mellorar a imaxe externa desta Universidade. ¿Pensa que este é o camiño?

Sr Rector, nós non sabemos se isto é o que vostede entende por unha "Universidade de todos", pero se así é, ¡sálvese quen poida!

Vigo, a 17 de febreiro de 2000

PCUVI