Sr Rector, ¡Bo Nadal!


Aproveitando estas festas, dirixímonos a vostede, unha vez máis, Sr. Rector, para desexarlle un bo Nadal e un próspero Aninovo, felicitación que facemos extensiva a toda a Comunidade Universitaria. Xa sabemos que anda moi ocupado asinando convenios aquí e acolá, pero como todo bo pai, ¡por favor, volva a casa polo Nadal! Botámolo moito en falta. ¡Hai tanto tempo que non o vemos...! Agora xa non temos claustros nin nada, ¡co ben que o pasamos!

Como "o seu reino non é deste mundo" (Faro de Vigo, 22-10-99), querémoslle pedir, Sr. Rector, que faga chega-la seguinte carta ós Reis Magos, xa que seguramente os ten máis a man ca nós.

Queridos Reis Magos:

Este ano fomos moi bos rapaces, malia que se nos traen o que lles pedimos aínda podemos mellorar.
Por favor, por favor, traérno-los seguintes regalos:

  • Que suban os presupostos da Universidade para o próximo ano.
  • Que mellore a xestión económica, que nos mantén paralizados durante cinco meses ó ano (por certo, estas non son unhas boas datas para visita-la nosa Universidade, ¿non llelo dixo ninguén?)
  • Que se rematen tódalas obras que están sen acabar.
  • Que se constrúan os edificios pendentes.
  • Que se informaticen as bibliotecas.
  • Que a producción científica do 97 que falta por avaliar chegue antes do 2001 (por certo, que película).
  • Que o procedemento das enquisas docentes sexa fiable e crible.
  • Que se teña en conta que tódolos alumnos teñen dereito a asistiren a clase, mesmo os repetidores.
  • Que se defenda a imaxe da Universidade de Vigo cando esta sexa atacada de forma pública e notoria.
  • Que se resolvan os concursos de selección de profesorado.
  • Que a nómina sexa sempre igual (ou mellor).
  • Que o CACTI volva se-lo que era.
  • etc., etc.

Serían necesarias moitas máis cousas, pero nos facemos cargo de que as súas maxestades teñen que atender a máis xente e está claro que cando pides moitas cousas os Reis Magos non che traen nada... ¡cousa que sería terrible!, porque está visto que se vostedes non os cambian (ou non os botan), o ano que vén a lista ha seguir crecendo.

¡Ah! un último desexo... por favor, non nos traian o regalo que está de moda na prensa, na radio e na televisión: unha S.A. en forma de C.U., ¿ou era unha C.U. en forma de S.A.? Queremos dicirlles que non nos gusta nadiña. Preferímo-las cousas claras, públicas e transparentes.

Desexámoslles unha feliz estancia na nosa universidade e agradecemos por adiantado os seus presentes. Supoñemos que ó viaxar en camelo e non vir convidados pola institución, non terán que agardar ata o mes de abril para cobra-lo talón da viaxe e outras cousas tan propias desta casa... Desculpen as molestias que nos figuramos terán para chegar ata o campus, pero a iluminación non funciona desde hai catro meses e o asfalto non é apto nin para camelos. En fin, non queremos ser malos, así que rematamos.

Ata sempre, maxestades

P.S.: Ó Sr. Rector déixenlle un anaco de carbón, extensivo a todo o equipo rectoral... ¡A ver se espabilan!

Vigo, a 17 de Decembro de 1999

PCUVI