Sr Rector: vostede terxiversa e manipula


Diante da manipulación da que vén facendo gala o DUVI desde a súa recente creación, presentado por vostede como "a voz de todos e non só a voz oficial da Universidade", a PCUVI considera conveniente e necesario facer pública esta carta, coa finalidade de que se saiba realmente o que está a acontecer na Universidade de Vigo, así como as repercusións e opinións que está xerando todo o relacionado con Cidade Universitaria SA. Criticamos, unha vez máis, a falla de transparencia, característica da que tanto alardea, Sr. Rector, e censuramos, unha vez máis, o seu talante pouco democrático ó consentir que o DUVI, que debería ser unha publicación obxectiva, completa e veraz, se teña convertido nun planfleto publicitario, un medio de comunicación do réxime no que impera a subxectividade e a censura. Como vén acontecendo a cotío, pódese observar que, de novo, as súas boas palabras non se corresponden en absoluto cos seus feitos.

Resulta lamentable, que unha noticia de tanta trascendencia como o acordo aprobado no Claustro do día 6, recollida por todos os medios de comunicación, fose manipulada polo xornal que di ser "da Universidade de Vigo". ¿Como se explica que toda a prensa se fixera eco estes días do devandito acordo e que o DUVI terxiverse deliberadamente esta información, sen dúbida a máis importante desde que este "xornal" se puxera en marcha?

Non é de recibo que a prensa desta pasada semana recollera en portada e en grandes titulares noticias como "El Claustro desautoriza a Docampo y le insta a disolver Ciudad Universitaria S.A" (Faro de Vigo, 13 de julio de 2000), "El Claustro ordena la disolución de la S.A" (La Voz de Galicia, 13 de julio de 2000),"La oposición consigue un acuerdo en el Claustro para disolver Ciudad Universitaria" (Atlántico, 13 de julio de 2000), "Docampo ignora al Claustro y mantiene la sociedad anónima Ciudad Universitaria" (Faro de Vigo, 14 de julio de 2000), "Docampo se impone al Claustro y descarta disolver Ciudad Universitaria S.A" (La Voz de Galicia, 14 de julio de 2000), "Domingo Docampo S.A" (El Mundo Galicia, 15 de julio de 2000), "Pídenlle ó rector vigués que acate a decisión claustral" (O Correo Galego, 15 de xullo de 2000), etc., e que o DUVI manipule esta información en función duns determinados intereses. En calquer caso, e como o que se pretende é que se coñeza toda a información invitámolo a ler o publicado nestes últimos días recollido no Servidor WEB da PCUVI (http://www.uvigo.es/webs/pcuvi/prensa).

Outro exemplo claro da falta de transparencia do DUVI é a "desaparición" da rolda de prensa da PCUVI-Renovación Universitaria, celebrada o pasado día 14 no Paraninfo da Universidade de Vigo, que non foi nin mencionada no DUVI. Curiosamente, si que lle pareceu unha noticia de especial interese dentro do mundo universitario a RNE, á cadea SER, TVG, TVE Galicia, Antena 3 Galicia, COPE, Europa Press, El Mundo Galicia, El Faro de Vigo, La voz de Galicia, el Atlántico, e o Correo Galego, medios todos eles que deron boa conta de lo que alí se dixo. Como proba do que dicimos e para que non se cuestione a obxectividade, facilitamos a información recollida en Europa Press sobre a devandita rolda de prensa. (http://www.uvigo.es/webs/pcuvi/prensa/1507006.jpg).

Sr. Rector, temos que recoñecerlle o mérito de elixir á persoa máis axeitada para conseguir os seus fins. En Primitivo Carbajo ten vostede un colaborador de nula profesionalidade, capaz de se converter no seu títere, eso si por unha importante cantidade de diñeiro que, debemos recordalle Sr. Rector, paga a Universidade de Vigo e non vostede. Non temos máis remedio que pedirlle o cese do Sr. Carbajo, e que reconvirta o DUVI nun medio de comunicación de toda a comunidade universitaria, que informe de maneira veraz de todo o que acontece nela ou, de non ser así, que o peche.

Vigo, 18 de xullo de 2000

PCUVI