Sr. Rector:
Permita que lle expresemos, co maior respecto, que, na nosa opinión, a coherencia non parece ser o norte que guíe as súas acción de goberno. Non se trata dunha afirmación gratuíta, pois exemplos para ilustrala abondan, pero a súa actuación respecto ó Plan de Financiamento da nosa Universidade constitúe o máis paradigmático deles.
Na sesión de apertura de curso das tres Universidades galegas, vostede criticou as insuficiencias do devandito Plan e solicitou da Xunta de Galicia maiores investimentos en función das necesidades reais e concretas de cada unha delas. Ata aquí nada que obxectar. Os medios de comunicación fixéronse eco das súas palabras e, en entrevistas posteriores, vostede ratificouse no dito, apuntando a posibilidade de que o seu voto ía ser negativo. Posteriormente, en pleno debate da cuestión, vostede trasládase a un Congreso a California e, como se dun xefe de estado en visita oficial se tratase, realiza desde alí unhas declaracións manifestando o seu malestar, desacordo e posibles actuacións ante o xa mencionado Plan. Sr. Rector: cando se está a negociar un Plan de Financiamento, que condicionará o futuro da nosa Universidade nos próximos anos, non é xustificable a súa ausencia.
No Concello de Vigo proponse levar adiante unha iniciativa popular de recollida de sinaturas en apoio de petición de maiores investimentos para a Universidade. O Conselleiro de Educación convócao a vostede para lograr o seu voto afirmativo e, para sorpresa de propios e estraños, vostede vota afirmativamente no Consello Universitario de Galicia.
Acto seguido, concede unha entrevista a un medio de comunicación e, esta vez, emulando a un hipotético presidente de Galicia, adxudícase o mérito e felicítase porque “mi actitud ha concienciado a los gallegos” e, tentando explicar o inexplicable, afirma que o que hai que facer é pedir maiores investimentos para as tres Universidades, non para a de Vigo en particular. ¿De verdade cre vostede que a situación das Universidades galegas é a mesma? ¿que tamén o son as necesidades de cada unha delas? ¿de que Universidade é vostede Rector?
Sr. Rector, nós non entramos nin saímos, non é a nosa obriga, na oportunidade de votar afirmativamente, pero recoñecerá vostede que para esa viaxe non precisabamos alforxas, ou dito doutra maneira: se pensaba votar afirmativamente, puido aforrar os discursos baleiros e grandilocuentes sobre as necesidades da nosa Universidade e, se realmente estaba en desacordo, puido votar en contra ou absterse. Eso sería o coherente.
E falando de incoherencias, vostede aplica os criterios do Plan de Financiamento cos que está en desacordo, segundo as súas propias manifestacións, á hora de elaborar o P.O.D., cando ninguén lle obriga a tal actuación, pero diso falaremos noutra ocasión.
Sr Rector, vostede é Rector da Universidade de Vigo, non é Presidente de Goberno, nin estatal nin autonómico: ¿a que xoga, Sr. Rector?
Vigo, a 25 de Outubro de 1999
PCUVI