Sr Rector, a sua xestión económica non funciona


Os presupostos para o ano 1999 aprobáronse o día 18 de decembro de 1998. Por primeira vez na historia, a nosa Universidade, malia as críticas formuladas pola precipitación e falta de consenso na súa elaboración, tiña un ano enteiro para executalos.

Pero Sr. Rector, os seus propósitos convertéronse axiña en malos resultados, pois houbo que agardar ata o mes de abril para poder tramitar as primeiras follas de pedimento ou, dito doutra maneira: por primeira vez nesta Universidade tivemos que esperar catro meses para que se abrise o exercicio económico.

Rematada a longa espera, os profesores puideron facer uso das cantidades asignadas, dispoñéndose a enfrontar as incómodas tarefas de cumprimentar as follas de pedimento, tratar cos proveedores e, mesmo, xestionar a súa alta, inventariar o material novo ou conformar as facturas, sen contar coa obriga de levar a contabilidade dos seus gastos. Non falemos xa dos anticipos, pois os profesores vense forzados a agardar ata tres meses para recibilos (o anticipo, como o seu nome indica, é un diñeiro que se entrega antes da data sinalada), e tamén teñen que esperar dous meses para a apertura dunha nova partida, ademais de pagar o 10% en "imposto de xestión" dos proxectos conseguidos co esforzo dos grupos de investigación.

Por se non abondase con todo o que levamos relatado para calificar a devandita xestión de deplorable, vostede, Sr. Rector, vén de asinar unha Resolución Rectoral na que establece:

É dicir, a xestión de tódolos gastos xerados por calquera concepto, xa sexan compras, oposicións, teses, dietas ou viaxes, debe retrasarse ata o ano 2000.

Como consecuencia do retraso da apertura do exercicio e do adiantamento do peche, os responsables de partidas presupostarias atópanse cun ANO ECONÓMICO DE SETE MESES (incluíndo agosto), situación sen precedentes, non só na Universidade de Vigo, senón tamén na universidade española.

Queremos citarlle un exemplo próximo e ben coñecido, a Universidade de Santiago, que tramita gastos ata o 31 de decembro e abre o novo exercicio o 2 de xaneiro, traballando nos dous exercicios ó mesmo tempo. ¿Será tan difícil? En resumo, Sr. Rector, non entendemos a razón pola que na Universidade de Vigo é preciso pechar un exercicio para abrir o seguinte. ¿Pode figurarse vostede que empresas como Telefónica, Citroën ou CaixaVigo se paralizasen cinco meses entre o peche e a apertura de exercicio?

Na nosa opinión, esta Universidade ten necesidades de máis como para permitirse o luxo de inmobilizar o gasto durante cinco meses.

Pero non rematan aquí os infortunios dos que hoxe nos ocupamos, pois a eles hai que engadir, entre outras cousas:

As circunstancias descritas dan lugar a que o diñeiro reborde das arcas da Universidade de Vigo, como se dunha institución bancaria se tratase, e así, de maneira paradoxal, mentres a nosa Universidade ten nas contas correntes dos bancos miles de millóns de pesetas, os membros da comunidade universitaria padecemos deficiencias máis que notables...pero,¡iso si!, pedímoslle á Xunta un meirande financiamento ¡CONTRADICTIO IN TERMINIS!

Á vista de todo o devandito, gostaríanos saber: ¿por que e para que tanta présa en aprobar os presupostos? Sr. Rector, agora que estamos a finais de novembro e supoñemos, xa que logo, que volverá a incumprir a súa promesa electoral de aprobalos neste mes, non se apresure tanto. Medite ben, defina o seu modelo de xestión económica, optimice os procedementos de gasto, abra o exercicio económico o 2 de xaneiro, aínda que sexa con presupostos prorrogados e déixenos gastar os cartos que puidemos conseguir co noso esforzo e o noso traballo, pedímosllo de favor.

Vigo, a 29 de Novembro de 1999

PCUVI